Agora que chegan as primeiras raiolas de sol da primavera e, con ela, unha temperatura agradable para desfrutar dunha terraza e unha bebida fresca, é hora de poñer sobre a mesa a nosa carta de viños. E é que se por algo nos diferenciamos nas Bodeguillas de San Lázaro e Santa Marta é por unha adega con productos de calidade e de gran variedade, ben sexa para desfrutar o seu singular sabor só ou acompañándoo dunha elaboración culinaria única.
A nosa adega permítenos facer un percorrido pola xeografía galega con diferentes escumosos, tan á moda, e tamén con diferentes Denominacións de Orixe como Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei ou Ribeira Sacra, entre outros. Tamén podemos atravesar o país con diferentes viños e denominacións como Ribera del Duero, Rioja, Castela e León, Bierzo, Catalayud, Almansa, Jumilla, Toro ou Jerez. E, aínda máis, somos quen de percorrer boa parte do mundo con tan só empregar os sentidos do gusto e do olfacto.
A continuación, propoñémosvos algúns viños cos que transportarvos a outros lugares (dúas D.O. nacionais, dúas propostas europeas e outras tres máis alén dos mares), aínda que contamos cunha adega moito máis ampla da que podemos (e nos gusta) presumir:
- País Vasco. Así pois, podemos ir até o País Vasco con algún dos nosos Txakoli (Itsasmendi 7, Itsasmendi Urezti ou Itsasmendi Eklipse), un viño habitualmente branco e lixeiramente escumoso, enmarcado nas variedades Arabako, Bizka, e Getaria.
- Cataluña. Podemos atopar denominacións como Priorato (Les Crestes, Camins del Priotat e Les Terrases), cultivado en ladeiras escarpadas e de difícil cultivo, coa influencia dun clima tépedo e seco ou Montsant (Acústic ou El Senat de Montsant), cun clima menos esixente.
- Portugal. Os nosos veciños lusos preséntanse na nosa adega con dous Alentejos. O primeiro, a Quinta da Viçosa coas variedades Syrah e Tricadeira e, o segundo, La Coartada.
- Francia. Achegarnos a Francia é tan sinxelo como probar un La Griffe, un viño tinto de crianza de Cotes du Rhone; ou La Mariole, procedente de vides centenarias. Tamén contamos cunha incrible champaña da casa Bollinger: o Rosé, con 62% de Pinot Noir, 24% Chardonnay e 14% Meunier; e o Cuvée, con 60% Pinot Noir, 25% Chardonnay e 15% Meunier.
- América. Se o que queremos é cruzar o charco a través dunha copa, podemos atoparnos con viños arxentinos como Terrazas de los Andes, da bodega Mendoza Argentina e da variedade Malbec; co chileno Manso de Velasco, un Cabernet Sauvignon; ou desfrutar con Chardonnay ou Pinot Noir B californianos da man de Marimar La Masía.
Estes son algúns dos sabores imprescindibles da nosa adega para catar o mundo, pero hai moitos máis que podes vir a desfrutar connosco nas nosas “capelas do bo comer e bo beber”. Lembrámosvos que cada Bodeguilla conta coa súa propia selección e o seu propio sabor, ademais de que temos tenda, a BodeguillaStore, para que poidades levar algúns deles para a vosa casa.