A chegada do verán acostuma ser sinónimo de bo ambiente, música e experiencias únicas para compartir coa familia ou os amigos. En Compostela hai multitude de propostas para desfrutar do verán na cidade e, hoxe, propoñémosche cinco actividades que atoparemos na capital galega ao longo de todo o mes de agosto.
Festival Go!Go!Zo!
A terceira edición do Festival Go!Go!Zo! regresou ao Monte do Gozo o pasado 10 de xuño e estenderase até o vindeiro 24 de setembro. O festival conta con música, exhibicións, actividades infantís, xornadas especiais e moito talento local centrado, especialmente, nas futuras promesas da música en Galicia.
O evento está conformado polo XeneraSon, ca fin de dar a coñecer os talentos do país e tamén ofrecer formación a través dun campamento formativo inmersivo; Go!Zo!Jam!, ciclo que busca que os artistas compartan escenario para mostrar a súa creatividade; Ritmos no Camiño, con sesións de diferentes pinchadiscos que buscan homenaxear as diferentes nacionalidades que recorren o Camiño de Santiago; Sesións DJ, con máis dunha vintena de pinchadiscos; Combos Musicais, ca fin de poñer en valor o talento das academias galegas e do norte de Portugal; Catividades, para os máis pequenos; e actividades especiais, como as de zumba ou as xornadas solidarias.
Podes consultar toda a programación aquí.
Festival C 2023
O circo, a poesía, a danza, a música, as artes visuais e os contos son os grandes protagonistas do Festival C. O mércores 2 de agosto será a data de inicio do evento, que se desenvolverá na praza da Quintana, na Alameda, no parque de Bonaval e no Centro Xove da Almágica, que acollerá talleres de circo con inscrición gratuíta.
O Festival C estenderase ao longo de todo o mes e podes consultar todas as súas actividades de balde aquí.
Delas Fest
Delas Fest botou a andar o pasado abril . É un festival feminista de arte urbana e contextual que busca tanto reducir a discriminación cara as artistas como promover e poñer en valor o capital social da comunidade local. Cóntase con intervencións murais, creatividade cooperativa, encontros entre veciñas e artistas, así como xornadas de análise e reflexión.
Durante o mes de agosto levaranse a cabo diferentes obradoiros participativos para pequenos e familias dentro do marco Familia Delas Fest! Podes consultar a programación aquí.
Noitinhas 2023 Cometa
Un ano máis, poderemos desfrutar do evento musical e gastronómico no Hotel NH Collection Santiago.
De entrada gratuíta, previa recollida de invitación, o encontro ofrece música e tapas gourmet durante as veladas do mes de agosto. As Noitinhas comezarán o mércores 2 de agosto, con DJ ás 19.30 horas ao que lle seguirán actuacións en directo dende as 21.00 horas de destacados artistas do panorama musical nacional e internacional.
Podes descubrir toda a información aquí.
Atardecer no Gaiás
Os atardeceres no Gaiás continúan no mes de agosto para desfrutar dun verán sen présa e cos cinco sentidos a partir das 21.00 horas no na praza central do Gaiás. Aínda queda a metade do verán por diante e, con ela, os nove concertos restantes do evento.
Deste xeito, o xoves 3 poderemos escoitar o folk electrónico de Catuxa Salom e o venres 4 será a quenda de Kyr4 e o seu rap. Xa na seguinte semana, o xoves 10 e o venres 11 respectivamente, será a quenda de Bejo (trap) e Lontreira (electropop). Chegando ao ecuador do mes, desfrutaremos de Xuventude Crea: TBC e Parquesvr (punk rock). O xoves 24 de agosto será o folk electrónico de Júlia Colum quen inunde o Gaiás e o venres 25, o rock de Moura. O encargado de despedir esta entrega do Atardecer no Gaiás será o francés Ben L’Oncle Soul.
Consulta aquí a programación completa.
Con estas e outras moitas iniciativas, é ben sinxelo desfrutar do verán sen saír de Compostela.