Santiago de Compostela foi declarada Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO no 1985. Esta decisión tomouse ao considerar que á súa beleza urbana e integridade monumental se engadían ecos da súa significación espiritual como santuario apostólico e destino do máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media: a peregrinación polo Camiño. Pero Compostela é moito máis que isto. A cidade está rodeada de lendas e historia da que hoxe, falamos un chisco.
A orixe do Camiño de Santiago e o primeiro peregrino
Segundo a lenda, despois do martirio do apóstolo Santiago en Xerusalén, os seus discípulos trasladaron o seu corpo nunha barca de pedra ata terras galegas. Guiados por un anxo, chegaron á costa, onde finalmente os restos foron enterrados no lugar que hoxe coñecemos como Santiago de Compostela.
Dise que no século IX, un pastor galego tivo unha visión na que se revelaba a ubicación do corpo do Apóstolo Santiago. Conmovido pola revelación, Afonso II o Casto, emprendeu a súa peregrinación dende Oviedo ata o lugar do xacemento, convertíndose no primeiro peregrino oficial.
O Botafumeiro
O Botafumeiro é un dos elementos máis icónicos da Catedral de Santiago. Este inmenso incensario, con máis de 800 anos ás súas costas, pesa arredor de 62 quilos cando está baleiro, mide 1,60 metros e, co seu vaivén, pode chegar a alcanzar unha velocidade de 68 quilómetros a hora.
A súa orixe remóntase á Idade Media, cando se empregaba para purificar o aire da catedral, debido á gran afluencia de peregrinos que aínda non se puideran lavar ao longo do Camiño.
A Berenguela e o demo
A Torre da Berenguela, bautizada así polo arzobispo da Idade media que mandou construir a torre para defendera a Catedral, é outra dos grandes símbolos de Santiago de Compostela. Coa mesma altitude que as torres do Obradoiro, ten máis de setenta metros de altitude e pódese ver dende moitos puntos da zona vella.
O reloxo actual foi fabricado en Ferrol en 1831 e, a campá, é considerada unha das mellores do mundo. Sen embargo, perdeu o seu son orixinal e foi substituída por unha nova fundida en talleres de Asten. Actualmente atópase exposta no Museo da Catedral.
Precisamente, sobre a campá hai certa lenda que asegura que se algunha medianoite, no canto de tocar doce badaladas, pica trece, o diaño gozará dunha hora máxica para andar solto por toda a cidade.
Compostela, o seu Camiño e a súa Catedral son lugar de lendas e historia. E esta é só unha pequena mostra de todo o misterio que rodea á nosa fermosa cidade.