Cada segundo domingo do mes de novembro, dende fai quince edicións, celébrase o Día Mundial do Enoturismo ca fin de dar a coñecer a tradición do viño así como destacar a importancia das rexións polas que se estende dende o punto de vista económico e cultural. Por iso, para festexar o 10 de outubro, data promovida pola European Network of Wine Cities, non se nos ocorre mellor idea que viaxar por Galicia a través das principais Denominacións de Orixe de viño da comunidade.
O enoturismo refírese a unha viaxe mediante a cultura do viño, na que se inclúe visitas a adegas, viñas ou rexións vitivinícolas para coñecer o proceso de elaboración, participar en catas e desfrutar de maridaxes gastronómicas. Ademais de promover esta bebida, o enoturismo tamén pretende achegar aos visitantes as tradicións locais, a paisaxe e a cultura da zona produtora.
Galicia conta con cinco Denominacións de Orixe (DO) de viños, cada unha con características únicas que reflicten a diversidade dos seus solos, climas e variedades de uvas autóctonas.
A primeira é Rías Baixas, recoñecida polos seus viños brancos, especialmente os elaborados con uva Albariño. Esta Denominación de Orixe esténdese principalmente pola provincia de Pontevedra e unha pequena parte da Coruña: Val do Salnés, O Rosal, Ribeira do Ulla, Condado do Tea e Soutomaior.
A DO Rías Baixas, dende 1988, alcanzou cos seus viños frescos, afroitados e cunha acidez equilibrada, a cifra de 179 bodegas, 4.321 hectáreas, 22.832 parcelas e máis de cinco mil vitucultores.
Dende 1932, a DO Ribeiro localízase na provincia de Ourense, principalmente na comarca do Ribeiro e a proximidade aos ríos Miño, Arnoia e Avia inflúe de forma importante no clima e nas características dos viños desta zona.
Esta DO conta cunha extensión aproximada de 2.700 hectáreas de viñas situadas nos municipios de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada, e parte dos de Boborás, San Amaro, Toén, Carballiño e Ourense.
Coa influencia atlántica, de temperaturas suaves e moita choiva, cultívanse preferentemente uvas brancas como a Treixadura, Loureira, Torrontés, Albariño, Albilla ou Godello e, nas tintas, atóparese a Caíño, complementada pola Ferrón, Sousón, Brancellao, Mencía, Garnacha e Tempranillo.
A DO Valdeorras, recoñecida en 1945, produce viños brancos e tintos de alta calidade, coñecidos especialmente polos brancos de uva Godello e os tintos de Mencía. Esta DO sitúase no leste de Ourense (conformado por A Rúa, O Barco, Rubiá, O Bolo, Carballeda, Larouco, Vilamartín e a Veiga), onde o clima continental con influencia atlántica favorece os viños de corpo e complexidade nos brancos, e elegancia e notas afroitadas nos tintos.
Creada en 1994, as 27 bodegas certificadas coa DO Monterrei producen tanto viños brancos (de Godello e Treixadura) como tintos (de Mencía e Arauxa). Localizada ao sur de Ourense, preto da fronteira con Portugal, os viños de Monterrei son intensos e expresivos. Os brancos destacan pola súa intensidade, frescura e aromas, mentres que os tintos contan con aromas frutais e son sedosos.
A Ribeira Sacra é coñecida pola súa viticultura heroica y, dende 1996, constitúese como Denominación de Orixe. É coñecida polos seus viños tintos de Mencía, aínda que tamén se producen brancos de Albariño, Treixadura, Doña Blanca, Godello, Loureira e Torrontés. Situada nas ladeiras empinadas dos canóns dos ríos Miño e Sil, abrangue vinte municipios das provincias de Lugo e Ourense e esténdese ao longo de 2.500 hectáreas. Os viños tintos destacan polos seus aromas limpos, elegantes e intensos e, os brancos, son afroitados, cun fino toque de acidez, cun lixeiro retrogusto e delicada presenza no padal.
Estas cinco Denominacións de Orixe son un reflexo da riqueza e diversidade vitivinícola de Galicia, recoñecidas pola súa calidade e autenticidade, pero tamén de toda a historia, cultura e beleza paisaxística das nosas terras.